Thursday 02 de May de 2024

Brión convoca dúas rutas de sendeirismo para o mes de abril: entre Leiro e Carballeda de Avia e entre Serra de Outes e Abelleira


O Concello de Brión vén de convocar dúas novas rutas de sendeirismo para o vindeiro mes de abril, logo de abrir a temporada cunha primeira ruta gratuíta polos montes de Ames e Brión. Nesta ocasión, as propostas trasládanse ata Ourense e o Barbanza, teñen un custe de 8 euros por persoa e ruta e os interesados en participar deberán reservar a súa praza na Casa da Cultura de Brión ou no teléfono 981 50 99 08 ata dous días antes de celebrarse a andaina.

A primeira das rutas programadas terá lugar o sábado 8 de abril, entre os lugares de Leiro e Carballeda de Avia (Ourense). Trátase dunha senda pedestre de aproximadamente 20 quilómetros e dificultade media. A saída en autobús dende a Carballeira de Sta. Minia terá lugar ás 8:30 horas. A inscrición poderá tramitarse ata as 14: 00 horas do día 6 de abril.

Para o día 22 de abril está prevista a segunda das rutas, nesta ocasión na provincia da Coruña, concretamente entre as localidades de Serra de Outes e Abelleira. Cunha distancia aproximada de 18 quilómetros de dificultade baixa, á saída está prevista para as 9:00 horas da Carballeira de Sta Minia. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata as 14:00 horas do día 20 de abril. En ambos casos hai convocadas 50 prazas, que se outorgarán por rigorosa orde de inscrición. O prezo é de 8 euros por persoa e ruta. Os participantes na actividade deberán levar comida tipo pic nic para xantar, ademais de calzado e roupa cómodos axeitados.